
Nesta cova atoparás un territorio rebelde e libre de impostos. Para entrar non se piden referencias nin curriculum; non hai que pagar peaxe; non se precisa traxe de etiqueta nin gravata. Somentes un espírito aberto e tolerante. Pasa, non te quedes na porta.
miércoles, 29 de septiembre de 2010
COUSAS VEREDES...

martes, 21 de septiembre de 2010
LABORDETA

Jose Antonio Labordeta: socarrón, escéptico, republicano, pacifista, home de ben comprometido co pobo e as súas xentes.
Jose Antonio Labordeta: escritor, articulista, poeta, cantautor, político honrado.
Ensinou historia nos institutos; publicou un bo feixe de libros de poesía; para dar a coñecer mellor os seus versos arredor dos 70 empezou coa carreira musical e algunhas das súas cancións foron himnos de liberdade; metido en política elixírono deputado o Congreso pola Chunta Aragonesista en dúas lexislaturas e tivo o detalle de bo gusto de mandar “a la mierda” os do PP, esa caterva de alborotadores que o insultaban mentres dispoñía da súa quenda na tribuna de oradores. Foi un berro de rebeldía, claro e conciso, para poñer a certos señores no sitio que mellor lles corresponde.
O vin dúas veces en concerto, teño cintas e vinilos seus que aínda escoito de cando en vez, seguín a serie televisiva “Un país en la mochila”, e cando retransmitían pola 2 os debates do Congreso dos Deputados esperaba ó final para oír, durante os poucos minutos que lle deixaban, como a súa voz poñía algo de sentido común e dignidade entre tanta palabrería e dialéctica oca.
Lembro agora uns versos que lle dedicou Sabina nun disco que Labordeta gravou en directo en 1991 “Tu, yo y los demás” :
“Tres cosas tiene Aragón
que no cambian de chaqueta:
Buñuel, Francisco de Goya
y la voz de Labordeta”.
Sirvan agora estas liñas, apresuradamente escritas, como homenaxe póstuma a traxectoria vital dun home que admiro e respecto, e que deixa unha pegada de decencia e honradez na que moitos deberían aprender.
lunes, 13 de septiembre de 2010
UNHA DE MEMES
Por xentileza de Xenevra véxome involucrado unha vez mais nesta trasnada dos memes. Non gusto moito deles pero, como ben di ela, non leva moito tempo facelo e tampouco é cuestión de rexeitarlle o convite. Así que...
Canto tempo levas como blogueiro?
Creo lembrar que desde novembro do 2006, xa choveu, aínda que non son moi prolífico e tomo o meu tempo entre post e post.
Como coñeciches a existencia dos blogues?
Exactamente non o sei, supoño que cando un está de baixa e ten todo o día libre acaba descubrindo que hai xente para todo, mesmo para estas caralladas.
Cinco blogues que sigas diariamente ou con moita frecuencia?
Diariamente non, pero todos os que teño enlazados como “cómplices habituais” sígoos habitualmente.
Es lector anónimo dalgún blogue?
Aínda que moitas veces non comento, si entro habitualmente nalgún blogue sempre remato por presentarme.
Algúns autores que che acorden especial simpatía.
Hai moitos, pero vou citar 3 que están moi preguiceiros ultimamente (a ver si se animan): Suso Lista, Doutora Seymour e Vermella.
Con que cinco blogueiros irías de esmorga?
Seguramente coa maioría deles, pero para tomar uns cantos cubatas penso que Chousa, Carlos Sousa e Brabido son uns bos pés.
Con que blogger pasarías unha noite de loucura sexual?
Esta pregunta non é pertinente, despois lee esto a Raposiña e qué.
Namorácheste algunha vez dalgún bloguer?
Non, pero fixestes ben preguntar porque podía habelo feito.
Estás satisfeito co teu blogue?
O día que non o estea bótolle o pecho a cova.
Espallar este meme entre 3 e 5 blogues.
E agora a quen meto eu nestas lerias??!! Serán 3 para molestar o menos posible e espero que non estean xa nomeados. A ver, a ver, pito, pito, gorgorito: Bolboreteira, Maribel-bel e Manuel L. Rodrigues. Noraboa a tódolos premiados, he, he!!! Pois eso, si ledes esto e vos apetece seguir o meme vale, e si non tamén.
domingo, 5 de septiembre de 2010
UNHA DE BALNEARIOS

Xa sei onde teño que pasar uns días se quero recuperarme dos excesos do verán, dos estragos do sol e da noite, do abafo dos termómetros e desta tristura de ver tanto monte galaico/portugués chamuscado.
Aí podo fortalecer o espírito, probar augas minero-medicinais, recuperar o ton físico e muscular. Poden darme baños de hidromasaxe, coidados faciais, unhas fregas relaxantes polo lombo e polas miñas cansadas poutas.
E todo esto venme moi ben tendo en conta que onte participei na VIII Andaina Popular de Ribeira, 50 km. por terras barbanzanas. Pouco para un raposo dirán algúns, pero hai que andalos digo eu!!!!
miércoles, 4 de agosto de 2010
A TODA VELA

como cunha profecía de antigos tempos.
Sóñalo mentres imaxinas
que viaxas a países máxicos
e a praias de fina area.
Tamén a ti, navegante,
te espera Ítaca;
tamén ti desexas unha Penélope
pensativa, fermosa,
envolta no seu mundo
de agullas e manteis.
Todos queremos chegar
a Illa do Tesouro
e ser Jim Hawkins,
neno entre piratas rudos,
heroe de barco e da tenrura.
Buscamos a liberdade en alta mar
e o vento salgado na cara,
ser temoneiro do destino,
o horizonte enchendo os ollos
e navegar e navegar.
E que o mar bravo non fenda
o cristal dos barómetros,
que o proa enfile sempre
a rota escrita nas estrelas,
a bandeira ondeando no mastro,
ron para a viaxe
e as noites ateigadas de lúa.
E chegar así
e espertar así
un amencer calquera
en Ítaca, na praia soñada,
á beira do tesouro,
e esquecer por uns intres
que fóra está o fume, o desacougo, a resaca,
os atascos, as alertas vermellas,
o ruído insoportable, o asfalto
e quilómetros e quilómetros de autoestrada.
martes, 20 de julio de 2010
WESTER VIII: OS SETE MAGNÍFICOS

Esta é unha adaptación do filme de Akiro Kurosawa “Os sete samurais”; eu non a vin pero todos coinciden en sinalar que a cinta do nipón e moi superior. Jhon Sturges ten traballos mellores como “Conspiración de silencio” , e mesmo dentro de wester “Duelo de titáns”.
No elenco de actores estaban os mais duros de Hollywood: Yul Brinner, Steve McQueen, Charles Bronson, James Coburn. Pero non se profunda nos personaxes e estes amósanse superficiais, lacónicos, fríos. James Coburn é excesivamente chulo. A Yul Brinner sempre o considerei un tipo artificial con andares e xestos de robot; Robert Vaugn móstrase como fóra de contexto e remata por exasperar. E o mais novo do grupo, Horst Buchholz, pasa todo o tempo entra a sobreactuación e a torpeza, a súa historia de amor non ten moito sentido e a escena na que intenta tourear a unha vaca é sinxelamente ridícula.
O mellor do filme é a imaxe que quere dar dos pistoleiros: personaxes vagabundos, atormentados, sen fogar, sen lazos familiares, sen futuro; que lles custa adaptarse os novos tempos que veñen; que tratan de buscarlle un sentido a vida e que están dispostos a facer ese traballo non polo diñeiro (o que lles pagan é irrisorio) senón polas ganas de volver a acción, e poida que tamén porque entenden que neste caso vale a pena loitar, e quizais morrer, por unha causa xusta.
Por suposto hai que destacar a música de Elmer Bernstein, grandiosa e impactante como poucas.
E dúas frases para a reflexión:
Os mexicanos piden que lles axude e ofrécenlle todo o que teñen de valor e Yul Brinner dilles: “Téñenme ofrecido moito polo meu traballo pero nunca antes me ofreceran todo”.
Cando a xente da vila non quere que un indio sexa enterrado no camposanto un viaxante pregunta:
“¿Desde cando non deixan enterrar os indios no cemiterio?"
“Desde que o pobo se civilizou”.
Por certo, dado o éxito inicial fixéronse ata 3 secuelas: non volas recomendo, cada una delas e peor ca anterior.
domingo, 11 de julio de 2010
OUTRA NOITE DE ROCK

Mentres outros soñan coa victoria de España ante Holanda, proban antídotos contra as altas temperaturas, gastan as horas en terrazas rutinarias con xenebra de garrafón, discuten cos veciños, buscan os ángulos mortos das credenciais caducadas, fan zapping por programas tan planos como a pantalla do televisor e acaban mercando na teletenda unha terapia a prazos contra a desolación, eu invisto en rock na compaña de C.
Soaron os acordes de Amenaza desastre e un lóstrego fixo estremecer os corazóns. O rock estaba aí, no campo de fútbol de San Cosme, sobrio, delgado, melenudo, visceral, auténtico, por riba do tempo e das modas, inmune os vaivéns das discográficas, aguantando o tipo, tolo por incordiar, incombustible como ese Leño do que formou parte.
No escenario xente de confianza: Rafa J. Vegas ó baixo, e Mariano Montero á batería.
Nas dúas horas de actuación tivo tempo para presentar cancións de seu novo traballo (Amaina tempestad; Tu que, yo que; A veces cuesta llegar al estribillo) e repasar éxitos anteriores (El asa del cubo; Flojos de pantalón; Deja que les diga que no...). Non podían faltar temas como Agradecido ou Pan de higo, e por suposto guiños a Leño con El tren (que nunca lla oíra tocar en concerto) e Maneras de vivir.
Foise con Navegando (a muerte), falando de náufragos na barra dalgún bar. Soubo a pouco o concerto e votei en falta que non se interrelacionara mais co público, pero a pegada do madrileño fixo que outra noite de rock fora inesquecible.
Rosendo, pa sempre.
*Banda sonora: Flojos de pantalón.
jueves, 8 de julio de 2010
viernes, 2 de julio de 2010
CARTA ABIERTA A UN LOCO CABALLERO

Hoy mis ojos cabalgan la llanura,
este tambor de viejas resonancias,
acariciando el sueño de ser libre.
Son los mismos caminos,
los mismos que cruzaste tantas veces
con un febril deseo de victoria,
viajero delirante, asceta de los trigos
en el límite exacto de la altura.
Para adentrarme
en el mar llameante de tus ojos
y asirme a las razones de tu filosofía
he llenado de viento mis alforjas
y a lomos de tu alado Clavileño
he contemplado los senos de turquesa,
este Tabor idílico de arcilla
de la noche manchega en plenilunio…
Sabes, amigo mío,
que yo también confundo molinos con gigantes,
que he pretendido a veces
liberar andresillos de las garras
de amos sin escrúpulos;
que la imaginación me engaña en ocasiones
diciéndome al oído que es castillo y no venta,
el yelmo de Mambrino y no bacía.
Todas las madrugadas
me lleven dulcineas por los ojos
y restalla el amor en mi costado
cada vez que me apresto a la batalla.
Siento mucho decirte
que han prohibido soñar a los poetas.
Les molesta a los grandes
nuestra ebriedad de luz
y non nos dejan caminar tampoco
por estelas de nubes y espadañas
hasta una torre de nieve con palomas….
También debo decirte
que encierran a los niños y a los locos
mientras las sanguijuelas
escriben con su lengua la historia del presente.
Y sin embargo la luz de tu recuerdo
me impulsa en mil cabriolas
a descubrir caminos donde libar el polen
de esta loca aventura que es la vida.
"Del poeta zamorano Luis García Pérez"
jueves, 27 de mayo de 2010
WESTER VII: GRUPO SALVAXE
-Caratula.jpg)
En 1969 dirixiu Grupo Salvaxe (The Wild Bunch), un dos mellores westers da historia. Algúns acusárono de violencia excesiva e gratuíta. Non tal: a peli e violenta porque reflexa unha época violenta; nun mundo de homes rudos e fortes, nun territorio aínda sen estructura de país a supervivencia só se impoñía pistola en man. Nese mundo impreciso da fronteira que Peckimpah soubo reflectir tan ben a morte e a brutalidade era algo demasiado cotián.
Grupo Salvaxe é a historia duns homes que viven a marxe da lei (porque xamais souberon vivir doutra forma) e a duns cazadores de recompensas (non mellores ca eles) que os perseguen implacablemente. O mundo cambia a pasos axigantados, o vello oeste está a piques de desaparecer e eles saben que non teñen futuro nese novo orde que se lles ven enriba.
O espectador remata por ter mais simpatía pola banda liderada por Pike Bishop (un espléndido William Holden) porque entre eles hai un código de honor, un respecto mutuo. Quizais non sexan amigos, pero son compañeiros e eso levarano ata as derradeiras consecuencias. “Seguiremos todos xuntos, como sempre fixemos. Si estás con alguén estalo ata o final. Senón es un animal, e estás acabado”, dille Pike Bishop a Téctor (Ben Jhonson).
Pola contra os perseguidores, excepción feita de Deke Thornton (Robert Ryan), son individuos sen escrúpulos, sen ningún tipo de lealdade, porcalleiros só movidos pola ambición.
Estamos arredor de 1913 co contexto de revolución mexicana de fondo. México é un fervedoiro de loitas intestinas. E aí está o xeneral Mapache, un cacique noxento, un infame individuo disposto tamén a sacar tallada do sangue do pobo.
E para ese tirano farán un último traballo, o roubo dun cargamento de armas, que lles permita retirarse cun bo botín. O golpe sae ben aínda que a cousa se complica cando Mapache fai prisioneiro primeiro e tortura despois a Angel, o membro mexicano da banda.
Bos actores, asiduos do wester: William Holden, Ernest Borgnine, Robert Ryan, Edmond O’Brien, Warren Oates, Ben Jhonson. A esto hai que engadirlle un guión axeitado, os diálogos, a mestría do director coa cámara lenta, a fotografía de Lucien Ballard, a música de Jerrry Fielding....
“ Todos soñamos con volver a ser nenos. Ata o peor de nós. Poida que o peor de nós o desexe mais ca ninguén”, dille un vello mexicano a Bishop. Eles sábeno pero saben tamén que non é doado conseguilo despois dunha vida delitiva e violenta, ateigada de excesos, balazos, whisky, putas e sangue.
Por eso ó final deciden rescatar o seu amigo das gadoupas do xeneral Mapache, como a única forma de recuperar a inocencia, e recorren firmes o treito que os pode levar a morte pero que tamén é un camiño de redención en nome de honor e sobre todo de amizade.
lunes, 17 de mayo de 2010
DÍA DAS LETRAS GALEGAS: UXÍO NOVONEYRA

O Valcarce e sin perguicia
Ver a Ponte a antiga vía
Uxío Novoneyra, 1993.
miércoles, 12 de mayo de 2010
ESE MOZO TRISTE E SOLITARIO

Con tan só 19 anos escribiu La chica de ayer, unha das cancións mais emblemáticas do pop nacional. Despois virían outras: Una décima de segundo, Luz de cruce, El sitio de mi recreo, Se dejaba llevar,...
Antonio Vega: intimista, nostálxico, confuso, tormentoso, poeta.
Viviu nunha época de excesos onde só importaba o presente, a raia que separa o ben do mal era demasiado tenue como para decatarse de que lado se estaba. Compoñendo foi un anxo e pisou a moqueta do éxito pero os demos cotiáns levárono o inferno escuro das drogas.Coñeceu o reverso tenebroso da vida e entre o caos e a poesía camiñou perdido por labirintos indescifrables pisando de madrugada sendeiros que parecían sen saída.
Prematuramente avellentado aínda así había luz no seu rostro enfraquecido. Unha estraña aura emanaba da súa figura.
Antonio Vega deixounos o 12 de maio do ano pasado e quixo a casualidade (ou causalidade) que a súa derradeira gravación fora unha canción de Leño para un álbum de tributo-homenaxe a este grupo que tamén foi do mellor do rock urbano deste pais.
Os xenios sempre acaban por xuntarse.
martes, 4 de mayo de 2010
NADA ESPECIAL
domingo, 25 de abril de 2010
CRAVOS REVOLUCIONARIOS

Houbo un día en que un raio de esperanza rachou o vello “Estado Novo” do dictador Salazar.
Tal día como hoxe, no 74, Portugal esperta dun pesadelo e toma conciencia de si mesmo. Unha canción foi o sinal para que a historia cambiara de rumbo, a revolución se fixera romántica, e rúas e prazas se enchouparan de feitizo. E abril foi un mes de esquerdas e brindouse con fado e vinho verde.
Nunca antes un pobo bailou tan a gusto cos militares sublevados.
Xamais a poesía foi tan amiga dos uniformes.
Xamais os caraveis confraternizaron tanto cos fusiles.
Ben está lembralo.
...
martes, 23 de marzo de 2010
martes, 16 de marzo de 2010
RAÍCES DO PASADO V: O CORAZÓN DA AUGA
dorme o corazón da auga.
¿Que palabra xa esquecida
dará as chaves do seu nome?
¿Por qué arterias de cores vertixinosos
chégase ata a fonte?
¿Por qué profundidade ata o seu peito?
Da cifra dos seus latexos nace a esperanza
como un pandeiro que batera nos montes,
como un néctar fresco acariñando
a gorxa submisa do home.
Lúas de mercurio vixíanlle os soños.
Recollido e silandeiro fíxose sangue,
espiral, maxia, folerpa de brumas,
ouro líquido buscando as mans,
invisibles regatos agromando oasis
na face sedenta do deserto.
Das súas bágoas brotan as mimosas.
Un tremor axita a saiba das flores,
atrona as ladeiras e os crepúsculos,
navega por longas e escuras tobas
e suicídase á beira duns beizos,
incapaces de sentir a odisea do manancial.
Lúas de mercurio vixíanlle os soños.
Das súas bágoas brotan as mimosas.
¿En que rumor de coutos secretos
dorme o corazón da auga?
miércoles, 10 de marzo de 2010
E O VENRES EN BOLMENTE
sábado, 6 de marzo de 2010
55 MENTIRAS SOBRE A LINGUA GALEGA

“Como vou esquecer a miña lingua se esa foi a herdanza de meu pai e mais miña nai!”
Un emigrante de Vimianzo en Montevideo.
Estes días ando a ler o libro “55 mentiras sobre a lingua galega”(supoño que a maioría de vos xa o coñecedes).
Dunha forma clara e sinxela, non por eso menos rigorosa, desmonta e bota polo chan as mentiras que algún partido político (léase PP) e algúns colectivos ( Galicia bilingüe, por exemplo) argallaron sobre a nosa lingua. Esas mentiras son “un conxunto de falacias co único fin de destruír a parte do universo que o noso idioma representa. Naceron movidas polo desprezo e por ideoloxías que xogan a proclamar todo aquilo que non son. Mesmo están as que posúen o cheiro inconfundible do odio.”
Si aínda non o lestes recoméndovolo porque “contribúe a desenmascarar a quen só coñece palabras de exclusión, de segregación e de negación” con respecto o galego.
Por suposto, tamén lle recomendo a súa lectura a Núñez Feijoo, Jesús Vázquez, Roberto Varela, Agustín Hernández,... por citar só algúns dos politiquillos que pretenden o esmorecemento e mesmo a desaparición do noso idioma. De Gloria Lago nin falo porque esa é tan impresentable que xa non ten remedio.
* O entrecomiñado pertence o libro e a viñeta de abaixo é de Xosé Lois, que supoño que non lle molestará que a reproduza nesta cova.
domingo, 14 de febrero de 2010
AMORES ETERNOS
miércoles, 3 de febrero de 2010
WESTER VI: BAILANDO CON LOBOS

O tenente John Dunbar, cansado e desenganado da guerra, solicita ser destinado a un remoto posto militar porque quería “ver a última fronteira antes de que desapareza”.
Alá, só nun destartalado forte, entra en contacto coas inmensas praderías, coa natureza e cos indios sioux. Aprende a respectalos, a comprender a súa cultura e despois a querelos.
E John Dunbar que foi buscando a última fronteira acabouse encontrando a si mesmo e converténdose en “Sumani tu tonka ohuachi”, o que baila con lobos.
Película ecolóxica, con imaxes cheas de lirismo, espacios abertos, unha defensa da natureza e do desenrolo sostible (verbas tan en boga hoxe en día). Película que supón, o meu ver, un dos mais honrados achegamentos a cultura dos pobos indios, lonxe dos estereotipos tan inxustamente mostrados na maioría dos filmes que os definen como rudos salvaxes e asasinos sen escrúpulos. Unha mirada reflexiva sobre o seu mundo, os seus costumes e o que significou para eles o brutal choque de culturas coa chegada masiva dos rostros pálidos.
Por suposto, que tamén matan, teñen liortas con outras tribos e defenden o seu territorio coa sangue si é preciso. Pero son un pobo culto, orgulloso, xeneroso, espiritual, amante da familia e das tradicións, que convive en harmonía coa Nai Terra sen o desmesurado egoísmo e ambición do home branco, que coida os recursos naturais porque sabe todo o que significan.
Mentres sostén na man o casco dun conquistador español, o vello xefe indio Dez Osos dille o tenente Dunbar :
“Os homes que levaban esto viñeron hai moito, na época do avó de meu avó. Conseguimos botalos. Despois viñeron os mexicanos que xa non veñen. E na miña época os texanos. Todos se comportaron igual. Collen o que lles peta, sen pedir permiso.
Non sei si estamos preparados para esta xente. Pero tes razón, seguirán vindo.
Cando penso nesto miro este casco. Só temos este pais. Loitaremos por el.”
E loitaron, e perderon, porque na vida real os bos non sempre ganan.
Na Peroxa (Ourense) hai poetas rurais que fan publicidade das fontes. Conviña algunha indicación mais porque eu a fonte non a atopei. 




