sábado, 3 de enero de 2015

Propostas (de aninovo)

Cargar ó lombo mochilas de esperanza,
durmir no teu colo,
pisar en soños terra firme,
amarte sen pedir nada a cambio,
vivir en paz contra min mesmo,
borrar os ceros á esquerda,
escoitar o silencio das palabras,
dedicarme ó contrabando da tenrura,
solicitar asilo  na túa embaixada,
investir en sorrisos de alta gama,
ser políticamente incorrecto,
non renunciar á utopía,
subir a costa da vida sen doparme,
bailar un agarrado co futuro,
bicarte en Exipto,
quererte...
                                               Do libro "Territorios estraños"

miércoles, 31 de diciembre de 2014

CERTAME LITERARIO "A PIPA 2014"


Este domingo pasado estiven por Becerreá na entrega de premios do XXIII Certame Literario A Pipa 2014 da Alta Montaña Luguesa, que convoca o colectivo becerrense “A Pipa”. Entregáronse premios (o feito de que coincidise co día dos inocentes é unha mera casualidade) na modalidade de prosa, poesía e dramaturxia breve.
Eu tiven a sorte de acadar o primeiro premio de poesía co texto “Corazón de lóstrego” e compartín xuntanza, lecer e desfrute co resto dos premiados: César No Cortiñas, José Ramón Sánchez Varela, Jesús Alfonso Parada Jato, Avelina Pérez,  Santiago Cortegoso Calvar, Ernesto Suárez e Julio Fernández Peláez.

Unha boa forma de ir rematando o ano.

Corazón de lóstrego

Alguén viaxou no tempo
buscando unha espada.
Alguén soubo poñerlle voz
á dor e ás pedras,
á penumbra e ás máscaras.
Alguén vindo de moi lonxe
inventou a caligrafía torpe dos nenos,
as carambolas a catro bandas,
as apertas que non se esquecen.
Descubriu a cara oculta da lúa,
o mapa para chegar a Shambala
e rescatou unha tarde de decembro,
unha bala sen xustificación,
e unha fotografía de John Lennon.
Alguén vindo de moi dentro
fíxose corazón de lóstrego
neses días calmos
nos que o vento eternízase
e convértese en pomba
e en caricia sincera.
        Nas súas mans de choiva
estaban os refuxios, a dignidade,
as maletas do futuro,
os ronseis das gamelas
coma un vendaval de urxencias
sobre as augas.
A súa palabra tróuxonos
alboradas máis limpas,
a mirada como escuma,
o sangue gabeando cara os dedos,
os dedos abrindo xanelas
no colo da paisaxe,
abrindo fronteiras
e dándonos a posibilidade
de ser nós mesmos. 
Alguén vindo de moi dentro
díxonos o seu nome
e non soubemos conservalo.
E na dor e nas pedras
e na penumbra e nas máscaras
apagáronse os ecos
e todo quedou en silencio.
Agora a luz do cristal  borrouse.
Agora todo parece tan só un soño.

viernes, 26 de diciembre de 2014

CRUCE DE CAMIÑOS


Este encontro na taberna das almas perdidas.
Esta cidade con vistas ó teu escote.
Estes murmurios que derrotan a brétema.
Este temporal de baixas paixóns que fai subir os termómetros.
Esta sede de folgar no niño agarimoso das túas pernas.
Este alustro fendendo as tebras cotiás.
Esta amizade con dereito a prórroga.
Esta aperta que non se vende nos mercados.
Este tórax espido, este sorriso, este despois.
                                                                     Do libro "Territorios estraños"

miércoles, 17 de diciembre de 2014

EDU VOLVE CHAMAR

O pai cavila na hipoteca,
na paga extra do Nadal 
e no partido de fútbol do domingo.
A nai devece por un vestido
que viu no Corte Inglés e rosma
que habería que mercar unha lavadora nova
e darlle outra man de pintura ó salón.
O fillo, Edu, esqueceu facer os deberes
que lle puxeron os mestres
e segue coa súa teima
de chamar a todo quisqui
para desexarlles “Feliz Nadal”.
Prevendo  a desmesurada conta do teléfono móbil
o reloxo de cuco da parede
está a piques de esnaquizarse  en mil anacos
contra a soleira da porta indiferente da  eternidade.

                                              Do libro "Territorios estraños"

miércoles, 10 de diciembre de 2014

OS QUE ESTAMOS MALDITOS

Este é o poema que foi premiado no VII Certame Literario "Rosa de Cen Follas"


os que estamos malditos

os que estamos malditos
percorremos as rúas
coas roupas dun mércores calquera,
unha canción de bruce springsteen nos beizos
e un desexo de esnaquizar escaparates
porque a liberdade verdadeira
foise esgotando ó longo dos séculos
e o amor é unha páxina en branco
esquecida nos diarios.

os que estamos malditos
camiñamos polo gume da navalla
levando nos pés as úlceras
doentes dos marxinados,
embebidos de música e de luz,
asoballados por pantasmas de fría morte
que nos arredan de nós mesmos
cando a única voz que nos chega
é a dun contestador automático.

os que estamos malditos
loitamos contra a soidade, o afogo
e a tensión dunha sociedade
que nos puxo ás costas
unha inquedanza de horóscopos,
unha orde de busca e captura
por ter sido tan sinceros
e tan rebeldes e rexeitar
as trécolas que nos impoñen cada día.

os que estamos malditos
sentimos a anguria do futuro
baixo a ameaza dun nó corredizo
e ninguén preguntará pola xiringa
que pon lume na veas,
o tanque que esmaga as vísceras,
eses silencios longos
ou a desesperanza que abeira
como un xinete máis do apocalipses.

os que estamos malditos
buscamos o alcohol que nos tatúe a fronte,
as palabras que vencen ós uniformes,
a noite e as princesas urbanas
e sen embargo seguimos mordendo o po
como cans de palleiro, vexados
e consumidos, e cunha equipaxe
de estragadas nostalxias nos bolsos
sen fondo da nosa alma.

os que estamos malditos
percorremos as rúas
e sempre atoparemos un último refuxio
para as nosas pisadas,
unha última lenda que nos dea pasaporte,
un último golpe de loucura
que nos leve máis alá,
e saber que seguimos vivos
e saber que aínda non morremos de todo.

jueves, 4 de diciembre de 2014

VII Certame Literario "Rosa de Cen Follas"


Antonte estiven no Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia, en Santiago, recollendo, xunto con Raquel Couto, Jonatan Da Silva e Tito Pérez, o VII Premio Literario (narrativa e poesía) "Rosa de Cen Follas". Todo un pracer,  unha xuntanza moi amena e entretida. E ademais despois houbo pinchos, que conste.
Máis datos e fotos no enlace.

viernes, 28 de noviembre de 2014

MUDANZA


Velaquí un home
que vén de territorios perigosos.
O amencer tingue de roxo os campos
e os cans ladran nas rúas escalazadas.
Velaquí un home
escorrentando o medo
á procura do destino.
Os pardais fican á sombra.
Nada se move. Hai soidade
nas pucharcas e unha poeira
vedraña cobre os carrouchos.
O día pasa lento.
Velaquí un home
buscando nas tebras da noite
a coraxe e o rixo  necesarios
para dar o último paso.
                                      Do libro "Territorios estraños"

miércoles, 19 de noviembre de 2014

Entrega do VII Certame de Poesía Victoriano Taibo



Lara Rozados Lorenzo recibe o premio do VII certame de Poesía Victoriano Taibo - ELM de Morgadáns, das mans do presidente da Entidade, Urbano Domínguez Esmerode na Escola de Guillufe, Gondomar.

Máis información aquí.

miércoles, 12 de noviembre de 2014

VII Premio de Poesía Victoriano Taibo


O vindeiro sábado, 15 de novembro,  na Escola de Guillufe (Gondomar) entregarase o VII Premio de Poesía Victoriano Taibo. A galardoada e a poetisa Lara Rozados pola súa obra “O caderno amarelo”.
Máis información aquí.


miércoles, 29 de octubre de 2014

PASOS (DE BAILE)



Nunca souben ser elegante sen afociñar, 
escapar sen deixar pegadas,
nin conseguín éxitos nos que non tivese
antes que lamber as feridas.
O tempo que nos dá experiencia
deixa tamén costuróns
sobre a pel gastada;
sempre un borrón
remata por aparecer
nos escritos máis importantes;
non hai refuxio
que non sufra unha invernía;
as rosas teñen o curioso costume
de agochar espiñas,
e á ledicia de camiñar descalzos
contraponse a  probabilidade
de pisar no carreiro vidros rotos.
Por iso admiro a Fred Astaire,
un tipo de esvelta delgadeza 
no que ata o máis torpe tropezón
parecía un paso de baile
perfectamente executado.

                                        Do libro "Territorios estraños"

martes, 14 de octubre de 2014

TEMPO DE CRISE


Pecho as portas de par en par
porque no silencio hai demasiado barullo,
o sol non dá sombra
e o reloxo marca as horas a destempo.
Hoxe festexo o aniversario do escepticismo,
como quen di adeus coa man
na plataforma dunha estación
pola que só pasan trens
contra unha vía morta.
Quero dicir que estou  triste
coma un chapeu sen Humphrey  Bogart.

                                                 Do libro "Territorios estraños"

sábado, 4 de octubre de 2014

"SALSEIROS" DE SUSO LISTA



Coñecín a Suso Lista fará uns sete anos no mundo, agora en decadencia, dos blogs. Daquela eu empezaba coa “Cova do raposo” e Suso tiña a bitácora “Suso Lista, percebeiro do Roncudo” na que nos deixaba historias cheas de humor, filosofía e retranca galega.  Despois púxenlle cara na serie de V Televisión “Para mariñeiros nós” onde el , Pinto, xunto con Cobiñas argallaban as máis variopintas historias mentres trasfegaban  “SolySombra” sen parar.
Agora vén de publicar o libro “Salseiros” no que se recollen moitos dos relatos curtos que xa publicara no blog. Onte estívoo presentando  na Casa do Libro en Vigo. Eu non podía faltar e non faltei. Así aproveitei para coñecelo en persoa e para que me dedicara o libro. Suso é un cachondo, un percebeiro, un filósofo da costa, un actor, pero sobre todo é un excelente narrador das pequenas cousas que pasan en Corme, como podían pasar en calquera outro pobo de Galiza.
“Salseiros” está cheo de agudeza, ironía, humor, tenrura, historias tráxicas ou  cómicas, reais ou inventadas, pero todas coa boa prosa de quen sabe o oficio. “Salseiros”, libro totalmente recomendable.
Estades avisados.

lunes, 22 de septiembre de 2014

DE CANDO O CINE ERA NEGRO

Impasible baixo a choiva 
apenas se distingue á luz dos farois.
A aba do chapeu oculta
uns ollos inquedos que espreitan.
A súa gabardina gris xa coñeceu
outras  madrugadas coma esta.
Os  zapatos teñen pisado moitos charcos.
Apura o cigarro coma se fose o derradeiro.
A man dereita do home afúndese
no bolso dereito da gabardina.
Os  dedos apertan a culata dun revólver.
As balas do cargador xa teñen un destino fixado.
Cando ó outro lado da rúa se fai a luz
porque alguén abriu unha porta
e sae rápido á calzada,
o home da gabardina gris saca o revólver,
apunta lixeiro e...
                                                   Do libro " Territorios estraños"

viernes, 12 de septiembre de 2014

ANIVERSARIO

Hoxe espertei cedo porque o teu nome
fíxome cóxegas no corazón.
Hoxe é un bo día para facer inventario, 
buscar a calor das túas caricias,
imprimir a dozura que regalas,
pór as cartas boca arriba,
asinar unha adhesión incondicional contigo,
amarte sen data de caducidade.
Hoxe quero ser
perito nas lúas do teu corpo,
arquitecto de aloumiños,
alquimista de ilusións.
Hoxe fai tres anos de todo
e aquí estou eu
sen saber moi ben que facer
con estes ollos
que non se cansan de mirarte,
con estas mans
que se entristecen cando non estás,
con estas verbas que agora escribo
e que quizais non saiban expresar
o moito que te quero.

Do libro "Territorios estraños"

jueves, 4 de septiembre de 2014

VIAXE DE PRACER

Para viaxar
ó territorio salvaxe dos teus peitos
non preciso de mapas,
nin maletas Roncato,
nin ofertas de aeroliñas de baixo custe.
Bástame co desexo,
esa forza tan primaria,
tan instintiva,
tan visceral.

Do libro "Territorios estraños"

martes, 26 de agosto de 2014

LOUCURA TRANSITORIA


Un aftershave para maquillar as mancaduras,
as coordenadas do destino
no fondo do baúl dos recordos,
un nó na gorxa debruzado sobre a ponte,
esa estraña atracción polo salto ó baleiro
cando a treboada non amaina
e os gángsteres disparan
contra a súa propia sombra
con balas de fogueo.
Do libro "Territorios estraños"

viernes, 8 de agosto de 2014

NA BOA DIRECCIÓN


Acostumados como estamos en España os carteis do tipo de: pechado, prohibido o paso, non tome alcohol, non fume, non pise o céspede, ollo co can, garde silencio, non pase de 90…, agradécese atopar en Londres un letreiro que nos indique onde hai festa rachada (que boa falta fai).

lunes, 28 de julio de 2014

DE VIAXE


Pasaporte, libras, paraugas, slogan reinvindicativo: xa teño todo preparado para ir a Londres.

domingo, 29 de junio de 2014

A PERDA

Nalgún punto  desta noite
desapareceume un soño.
Era cálido,
fermoso,
ti estabas  polo medio.
Tentado estou de preguntar
na oficina de desexos perdidos.

                                               Do libro "Territorios estraños"

sábado, 21 de junio de 2014

TOCANDO FONDO


Estes ollos
que tentan descifrar o mañá cando
nin  sequera os espellos devolven a mirada.
Esta boca
que nos momentos importantes 
xamais atopa as verbas axeitadas.
Estes pulmóns
abafados polo recordo
do fume de tantos cigarros negros.
Este fígado
que encaixa mal os golpes baixos da vida
e ben os licores altos de graduación.
Estas mans
que escriben a crónica dos perdedores
coa tinta gastada que deixan as derrotas.
Estas pernas
que se obstinan en seguir pegadas
que dan rodeos para chegar a ningures.
Este corazón
canso, cun contaquilómetros trucado
nun taller de dubidosa  reputación.
                                                             Do libro "Territorios estraños"