sábado, 20 de octubre de 2007

CANDO O PASADO É UNHA FIESTRA PECHADA PARA SEMPRE


Quixera que os portais estiveran abertos,
que nas miradas alumeara a paixón,
que a palabra retorno fora posible
e o recendo de tardes-noites de verán
e bicos salgados
quentaran aínda este aire de outono.
E quixera chegar o precipicio dos seus ollos
para arrebolar un feixe de preguntas,
buscando respostas que poñan
algo de sentido a esta cidade
de xeómetras e conductores suicidas.
Ó final é o desencanto,
a anguria de descubrir que a realidade
e outra, mais triste, mais rota,
que o pasado non volve,
que todo fica gris
nesta vía solitaria,
nesta estación pechada por derrubo
á beira dun crepúsculo de falsos deuses.
E os espellos solo reflicten indiferencia
(outra forma do esquecemento)
e o meu redor
o único que non se murcha
é o silencio.

viernes, 12 de octubre de 2007

DE ISABEL E FERNANDO


Cincocentos e pico anos son demasiados para no recoñecer os nosos erros. Que houbo e hai unha terra esmagada, séculos de inxustiza e desamparo, uns pobos masacrados polo imperio, unhas culturas esnaquizadas.
Barbudos homes do leste, intocables deuses a cabalo e armadura coas mans manchadas de sangue, e santos misioneiros vendendo a Deus a golpe de látego e espada, no nome do Pai e do Fillo e do reino de Castela e León, fixeron o xenocidio.
Cincocentos e pico anos son demasiado poucos para esquecer tanta agonía, tanto abuso de poder, tanta longa noite de pedra e opresión.
E aquí, neste lado do Atlántico, comprensión para Vídela, Pinochet, Stroessner e tantos outros; sorrisos e chanzos burlescos para o xersei de Evo Morales; e que viva o 92 e que son irmáns nosos; e a festa da Hispanidade e o carallo 29; e todo moi fermoso e os lazos comúns (me cago nos lazos comúns) e a historia dos vencedores (me cago na historia dos vencedores) made in Reis Católicos.
Cincocentos anos quizais sexan demasiados pero na cara indíxena aínda no se borraron as cicatrices.
.
.
*Seguindo as indicacións do guía espiritual de occidente, hoxe, eu, bandeira no almorzo, no vermut, no coche, cos amigos, paseando o can.
Perdón, confundinme de bandeira.

Mecágina, esta tampouco é.

sábado, 29 de septiembre de 2007

TREBOADA


Cando baixou do coche quedei pensando que me quixera dicir con esas palabras. Soaban a reproche. Estaba enrabechada, deso xa me decatara, pero non sabía porqué. A noite fora ben. Recollina na casa como lle prometera; cheguei puntual, eso encantáballe; pola mañá limpara o interior do Clío e puxen música de Amaral (a ela gústalle). Na cea estivo contenta, animada, faladora, rimos moito, fixemos plans de vacacións (Grecia, Turquía, algo por esa zona). Despois achegámonos a seu pub preferido. “Estouno pasando moi ben”, dixo e bicoume sorrindo. E mais tarde o silencio, a friaxe, o xesto sombrío, unha nubosidade teimuda na mirada, e despois o final esas palabras. Non sei. Cada vez entendo menos as mulleres.

domingo, 23 de septiembre de 2007

LEMBRANDO A PABLO NERUDA


Tal día como hoxe fai 34 anos deixábanos en Santiago de Chile Pablo Neruda. Pero ninguén morre de todo e menos Neruda, un dos mais grandes poetas do século XX.
Lírico, comprometido, intimista, a súa poesía sigue medrando co paso do tempo e das xeracións, e ben está que agora eu o recorde nesta cova. Do libro “Los versos del capitán”, dedicado a súa compañeira Matilde Urrutia, elixo o azar un poema, un de tantos que escribiu o gran Pablo.


SI TU ME OLVIDAS

Quiero que sepas
una cosa.
Tu sabes como es esto:
si miro
la luna de cristal, la rama roja
del lento otoño en mi ventana,
si toco
junto al fuego
la impalpable ceniza
o el arrugado cuerpo de la leña,
todo me lleva a ti,
como si todo lo que existe,
aromas, luz, metales,
fueran pequeños barcos que navegan
hacia las islas tuyas que me aguardan.

Ahora bien,
si poco a poco dejas de quererme
dejaré de quererte poco a poco.
Si de pronto
me olvidas
no me busques,
que ya te habré olvidado.

Si consideras largo y loco
el viento de banderas
que pasa por mi vida
y te decides
a dejarme a la orilla
del corazón en que tengo raíces,
piensa
que en ese día,
a esa hora,
levantaré los brazos
y saldrán mis raíces
a buscar otra tierra.

Pero
si cada dia,
cada hora
sientes que a mí estás destinada
con dulzura implacable.
Si cada día sube
una flor a tus labios a buscarme,
ay amor mío, ay mía,
en mí todo ese fuego se repite,
en mí nada se apaga ni se olvida,
mi amor se nutre de tu amor, amada,
y mientras vivas estará en tus brazos
sin salir de los míos.

lunes, 17 de septiembre de 2007

GRAZAS


Pola imaxinación, porta de amplos horizontes,
polo voo dos paxaros polo cal os homes
desexaron con ansia inventar o avión,
polos castelos feudais de Gran Bretaña,
polas ruínas de Montsegur,
polo sol, astro de deuses e que nos guía tamén a nós,
por
Bertol Brecht, Sócrates e Walt Wyman,
por
Castelao e Novoneyra,
pola táboa salvadora dos náufragos,
polos berros do recen nacido,
pola palabra liberdade,

pola muralla de Lugo
polo peixe e o verde da esmeralda,
polas augas do río Sil,
polo home de Cro-Magnon
que quizais fixo unha apoloxía do lume,
polo balbordo da tormenta,
polo labirinto do
minotauro,
polo amencer,
polo sinal da Cruz,

polo encaixe de Camariñas,
pola primavera nos pobos pequenos,
pola neve que viste de brancura as montañas,
por Colon e o vixía que berrou “terra”,
polo val e o regato,
polo común da pedra,
pola profundidade do tempo,
por Einstein e Moby Dick,
polo alfa e o omega,
polo vento e o orballo,

pola ollada escrutadora dos falcóns,
pola ciencia dos druídas,
polas civilizacións perdidas,
pola noite, descubridora de estrelas,
polas estrelas, celosas vixiantes da noite,
polo recordo do que sempre nos valemos
para eloxiar tempos mellores,
pola sangue e a forza,
polo futuro
mais difícil do que se cree
pero menos importante do que se pensa,
polas pirámides de Exipto,

pola
cerámica de Gundivós,
por unha historia esquecida o longo dos séculos,
polo arroz e o mel,
polo primeiro xoguete dun neno,
pola voz de García Lorca,
polo tímido Guadiana e o arte de Picasso,
polas chaves que abren os cárceres,
pola compresión,
pola profunda timidez do que nada ten,

polos
moais da illa de Pascua,
por
Giordano Bruno a que condenaron
a morrer no fogueira por defender a verdade
polo son das campás,
polo tigre e a curuxa,
pola augardente de herbas e o rock,
por Santiago de Cuba e o Caurel,

polos faros da Costa da Morte,
pola soidade e o amor,
polas follas dos carballos,
polos camiños que gardan o segredo dos pasos,
polo sono e o tictac do reloxo,

polo pé que por primeira vez
pisou o po milenario da Lúa,
pola magnitude deste universo,
por estas verbas que agora escribo
e polas que deixo sen escribir,
por deixarme dicir: “Grazas".

lunes, 10 de septiembre de 2007

DEDICADO OS QUE NACERON ANTES DOS 70


Fai xa algún tempo un amigo mandoume esto por correo electrónico. Eu soamente o traducín do castelán o galego e retoquei algunhas frases.

A verdade é que non sei como puidemos sobrevivir. Mirando para atrás é difícil crer que aínda esteamos vivos.
Iamos en coches sen cintos de seguridade e sen airbag, facíamos viaxes de 10-12 horas seguidas con cinco persoas nun 600 sen asentos ergonómicos e sen CD e non sufríamos o síndrome da clase turista. Non tivemos armarios ou frascos de medicinas con tapa a proba de nenos. Corríamos en bicicleta sen casco e sen freos, en motos sen papeis, facíamos autostop e subíamos a calquera coche que parara. As randeeiras eran de metal e con esquinas en pico.
Apostábamos a ver que era o mais bruto. Xogábamos a “churro va” e ninguén sufriu hernias ou dislocacións vertebrais. Tivemos pelexas por nada, mancámonos uns os outros e se nos abríamos a cachola xogando a guerra de coios non pasaba nada, era cousa de nenos e curábase con mercromina e uns puntos. Ninguén a quen acusar, ningunha lei para castigar os culpables.
Tragábamos doces a moreas e enchoupabámonos de refrescos pero non eramos obesos, se acaso algún era algo gordo e punto. Compartimos todo o que había que compartir e todo o que se puidera comer ou beber (a auga directamente do billa ou do regato) e ninguén se contaxiou de nada e se collíamos piollos na escola as nosas nais arranxábano lavándonos o pelo con vinagre quente.
No recreo xogábamos as chapas, as bolas, a coller, o rescate, a taba, chinchimonis, en fin tecnoloxía punta. Fixemos xogos con paos, perdemos mil balóns de fútbol. Cazábamos paxaros e lagartixas coa escopeta de balins e xamais houbo un accidente.
Pasabamos horas e horas na praia sen crema de protección solar nº 18 e sen táboa de surf, pero sabiamos construír fantásticos castelos de area con foso e pescar con arpón.
Pasamos pola adolescencia sen roupa de marca, sen camisetas fashion, sen botas de trekking gore-Tex, sen clases de orientación sexual, sen ximnasio, sen teléfono móbil (e non perdemos nin esquecemos ningunha cita importante), sen videoconsola, sen ordenador portátil nin liña ADSL.
Tivemos liberdade, independencia, imaxinación, rebeldía, esperanza, ambición, responsabilidade e aprendemos a vivir con todo eso. Si sodes dos-as de antes. Noraboa.
Aínda puidestes medrar como nenos-as.

martes, 4 de septiembre de 2007

TEREMOS QUE VOLTAR

Roubáronos a alba, compañeiro.
Non lles bastaba
co naufraxio dunhas veas,
os berros que estalan
baixo os uniformes,
as sebes de aramios
onde nos arrecantaron,
case descalzos, case espidos,
trémolos entre xestos acusadores
e sen máis reino
que os propios nomes
e a pel aterecida.
Non, non lles bastaba.
Tiveron que quitarnos o suor,
a resaca, os pés do chan,
o trío de ases, a dozura,
as ilusións inxenuas dos quince anos
cando todo era tan lúdico
e tan honesto,
tanta esperanza decapitada.
Tiveron que negarnos
o lume, o pan e a sal.
Tiveron que borra-la historia
onde aprendemos a resistir.
Agora só nos queda o recordo,
a rabia, a sede de orgullo,
para remozar outra vez do po,
atopa-las nosas pegadas
e outra vez loitar
contra o vento xélido
das mesmas ameazas.
Xuntos teremos que volver a erguernos.
Pouco a pouco teremos que voltar.

viernes, 31 de agosto de 2007

ARREDEMO


Con evidente atraso (poñerei como escusa a consabida preguiza do mes de agosto) quero deixar constancia nesta cova da aparición no panorama musical galego dun novo grupo de rock.
O caso é que O Moucho e os seus amigos, co nome de ARREDEMO, acaban de sacar un CD co poético título de : “Nin sequera a choiva”.
Afeitos como estamos, nesta terra e nestes tempos, a canción do verán, made in Georgie Dann; o monopolio televisivo do Luar cos seus Bisbal, Pantoja, Pili Pampín, Manolo Escobar, Rosa de España, etc.; as veladas nocturnas da Sintonía, París de Noia e orquestras similares coas súas cantantes en minisaia e versións de ritmos caribeños; eu persoalmente agradezo a irrupción de ARREDEMO: rock duro galego duns tipos sospeitosos e sen maquillar.
Non me sinto cualificado para facer unha crítica en profundidade (xa o farán outros) pero anímovos a escoitar algunhas das súas cancións EIQUI.
Dito queda.

viernes, 24 de agosto de 2007

PRECAUCIÓNS


A casa tiña moitas portas pero eu metinme pola mais pequena. Podía telo feito de día e entrar pola principal despois de deixar o coche no aparcadoiro, subir de vagar pola escalinata, chamar o timbre, esperar que chegara o mordomo, saudalo cun sorriso de orella a orella e, de vagar, deixar a chaqueta no gardarroupa e seguilo ata o salón grande onde me xuntaría con demais invitados. Pola contra esperei que fora noite pecha para chegar a pé, buscar e atopar unha porta mais afastada e mais pequena, a desmán do ir e vir da xente, con coidado de que ninguén me vise. Tiven a previsión de pór luvas antes de forzar a pechadura e entrar rápido e silandeiro. Eran estas precaucións necesarias tendo en conta o que ía que facer.

martes, 21 de agosto de 2007

VERSOS PARA UN ENCONTRO

Para Isabel,
fermosa loucura dunha noite de verán.


Porque coñecémonos unha noite
e esa madrugada foi nosa;
porque regaláchesme a lúa e a tenrura
sen pedir nada a cambio;
porque es morena;
porque tes poucos anos
e eso non supuxo unha fronteira,
porque mesturamos a risa co ron,
o segredo co amencer,
mentres a música soaba preto
nalgún lugar o oeste do delirio;
porque era na pel
onde se aloumiñaban as verbas
que quizais non nos dixemos;
porque os teus ollos
tan ledos, tan profundos,
eran todo un incendio, unha paixón;
porque me gustas.
Porque si.

viernes, 3 de agosto de 2007

A PECHO DESCUBIERTO


"Donde veas

que el látigo o la espada se levantan,

que la prisión redobla sus cerrojos,

que los fusiles amenazan muerte,

acércate y, a pecho descubierto,

lanza un tremendo NO que salve al mundo".


Angela Figuera (1902-1984).

sábado, 28 de julio de 2007

O último pesadelo


Non berredes mais, irmáns, non berredes, que o asfalto zugaravos ata os miolos. Lenta pero sen pausa a cada golpe seredes mais pequenos, a couza irá esmigallándovos a materia ata que desapareza polas gretas e fisgas deste imperio porcallento. Monicreques dun castelo de naipes, autómatas nun mundo sen alma, deixaredes anacos de vida en cada recuncho, na pel das baldosas, á beira das luces de neon e o monóxido de carbono, beberedes fume e po para cuspilo despois trousando noxo pola boca. As eirugas de metal esmagarán os corpos coas poutas enchidas de veleno. Os diaños do tixolo saltaranvos enriba para chuchar a derradeira gota de sangue. Non busquedes aliados. Non os hai. Ninguén estará o voso lado. Quedaredes á mercé do universo por vos mesmos creado. Non , non hai piedade entre o cemento e o bruído; non hai lugar para a súplica e a esperanza. Os brazos ensanguentados, sanguinolentos, emerxerán enarborando bandeiras rotas entre treboadas de morte e destrucción. Manarán os ollos regueiros de bágoas que xa nada valen, buscando entre saloucos a luz infinda. Xa non haberá tempo. Non haberá tempo para esconderse. Non haberá tempo para escapar. Non haberá tempo para volver atrás. O último paso xa foi dado e con el a entrada no abismo. E non berredes, irmáns, non berredes, que non hai piedade entre o asfalto.



Cadro: El grito de Edvard Munch (1863-1944).

lunes, 23 de julio de 2007

VICENTE CANO


"Yo escribo

-no sé si sobre el agua-

mensajes de rocío".

Vicente Cano (1927-1994)

*Foto de Friuli.

lunes, 9 de julio de 2007

LEMBRANDO A RABINDRANATH TAGORE

A FLOR DA CHAMPACA: Mamá, escoita, si solo por xogar, ¿eh?, eu me transformara nunha flor de champaca e agromara na pola mais alta desa árbore e me arrolara, escachándome de risa, no vento, e bailara sobre as follas novas, ¿saberías ti que era eu, mamá? Chamarías por min: “Neno, ¿onde estás?” Eu riría por dentro e estaría moi quietiño. Abriría as follas de vagar, moi a modo, e ollaría como traballas. Cando despois de bañarte pasaras, co pelo mollado espallándose polos ombreiros, por debaixo da champaca ó patio onde rezas, ulirías o recendo da flor pero non saberías que ese recendo saía de min. Cando despois da comida te sentaras xunto a xanela lendo o Ramayana e a sombra da árbore che caera no pelo e na saia, eu votaría a miña sombra pequeniña sobre a folla do teu libro, xusto no sitio onde estiveras lendo. Pero, ¿adiviñarías ti que era a sombra do teu fillo? Cando a noitiña foras a corte do gando co candil aceso, eu caería o chan e sería outra vez o teu neno, iría xunto a ti e pediríache que me contaras un conto. “¿Onde estiveches metido, pillabán?” “Non cho conto”, diríamos os dous. Rabindranat Tagore (1861-1941)

miércoles, 20 de junio de 2007

SI NON REZAS NON CONDUZAS


O Vaticano acaba de difundir, supoño que baixo inspiración divina, o manual de bo conductor católico, para tratar de evitar as mortes e os accidentes nas estradas.
Entre outros consellos recomenda facer o sinal da cruz antes de arrancar o coche e rezar o rosario para os viaxes longos. Parece ser tamén que facer un adiantamento imprudente é pecado (non che digo nada se mentres adiantas te masturbas; daquela xa estás condenado, per sécula seculorum, sen remisión).
Ou sexa que a Dirección Xeral de Tráfico leva anos traballando arreo, dándonos a tabarra e gastando cartos a moreas, tratando de concienciarnos con anuncios impactantes, con escenas violentas, con imaxes de mortos e feridos, con ameazas de multas o por maior, con radares a esgalla, coa perda dos puntos y das comas e retirada do carné, e ninguén se deu conta de que solución era moito mais sinxela e estaba no rosario, nun padrenuestro e tres avemarías.
Se os conductores aplican este novidoso método nos seguintes meses iremos vendo un descenso significativo no número de accidentes automobilísticos, ata que estes quedan reducidos a meramente anecdótico.
Oxalá que o Vaticano siga por este beatífico camiño e nos obsequie con manuais similares para resolver o problema do paro, o acceso a primeira vivenda, a mellora do salario mínimo, o conflicto de Oriente Próximo ou a fame en África.
Polo de agora, eu vou ler con atención o manual a ver que teño que facer antes de sair a leira co chimpín.

jueves, 14 de junio de 2007

OS SOÑOS DOS MAMUTS


Baixo as xélidas terras de Siberia os mamuts repousan o seu soño de séculos e milenios. No lles importa o tempo, o ocaso, as fluctuacións da Bolsa e o índice Nikkei, nin o xogo mediocre e gris do Dynamo de Moscú. Nada saben dos discursos paternalistas e tradicionais do Papa, da mala hostia e o cabreo permanente do PP, do cambio climático, da boca ávida e succionadora de Mónica Lewinsky.
Os mamuts non entenden (e saben que non poderían entender) esta civilización de beirarrúas, antenas parabólicas e caixeiros automáticos. Nos seus soños non ten cabida este reino da presa e a realidade virtual, de televisións de plasma e megapíxeles, de cabezas nucleares e Internet, esta babel de discotecas e gardas xurados, este mundo abandeirado pola cobiza e a guerra.
Dormen os mamuts e soñan con inmensas pradeiras nas que comen herba e regueiros cristalinos onde fartan a sede. Emparéllanse un pouco por instinto e outro pouco por pracer. Para protexerse pernoitan coa manada e nos amenceres as súas patas peludas pisan lizgairas o orballo e a liberdade.
Insensibles a todo esto os científicos (sempre tan teimudos) desentérranos, destrípanos, analízanos. Estudian os mamuts pero tamén están estragando os seus soños.
Como o fin e o cabo son primos lonxanos eu que son un raposo solidario e comprensivo lanzo o aire un berro en defensa dos soños dos mamuts.
Deixádeos durmir en paz !!!

miércoles, 23 de mayo de 2007

OUTRA DE AZNAR


Estou moi preocupado.
Aznar nun dos seus arrebatos mesiánicos dixo: “Cada voto que no vaya al PP será un voto para que ETA esté en las instituciones”.
Daquela, segundo o ex-presidente co meu voto vou apoiar os terroristas. Pero non só eu: os que voten por Coalición Canaria, os que en Vigo elixan a opción do Partido Galeguista de Manuel Soto, os que en Valencia apoien a Esquerda Unida, ou os meus paisanos de Sober que lle dean o voto o BNG , todas estas persoas desde o punto de vista de Aznar están axudando a ETA.
Pero como se pode ser tan hipócrita, tan miserable, tan senvergonza político! E esto o dí ademais quen sendo presidente cualificou a ETA de Movimiento de Liberación Vasco e comentou que o Estado sería xeneroso cos terroristas.
Ou a única estratexia que ten o PP para estas eleccións baséase na mentira, na manipulación e na crispación da sociedade, o que lles leva a dicir tantas barbaridades, ou este señor necesita urxentemente unha revisión psiquiátrica.
Porque, claro, empezas por falar catalán na intimidade e mira onde acabas.

jueves, 17 de mayo de 2007

¿A QUE ESPERAN?


En Vigo traballadores do naval, en folga dende fai 10 días, entraron a saco no edificio da Delegación da Xunta. Resultado: plantas e máquinas do café desfeitas; paredes, armarios e cristaleiras pintadas; e miles de expedientes e documentos oficiais guindados polas ventás.
Colocan un artefacto explosivo no polígono industrial de O Ceao en Lugo. A bomba, desactivada polo TEDAX, parece ser que foi posta por un grupo independentista galego que se agocha en Portugal.
No gran premio de Fórmula 1 en Montmeló, Fernando Alonso só puido ser terceiro despois de que se saíra da pista na primeira curva por un incidente co brasileiro Massa.
O sábado no Festival Folclórico de Eurovisión España quedou relegada a posto 20 de 24, o que en termos futbolísticos significa estar á beira do descenso

Sorprendentemente, os dirixentes do PP aínda non lle votaron a culpa destes feitos a Zapatero.

sábado, 12 de mayo de 2007

UN DIA MELANCÓLICO O TEN CALQUERA

Hoxe en día os raposos solitarios xa non podemos contemplar a lúa chea: as nubes de contaminación, o fume das fábricas, o mal humor dos políticos, o desaforado urbanismo vertical impídenos vela. Así que contentámonos con mirar a luz dos farois que paga o Concello,ou sexa nós, e que iluminan a tristura da noite. Así que contentámonos con esperar na barra dun pub, aberto ata o amencer, onde mesturamos ron e tabaco e falamos de cousas intranscendentes. Así que conténtome con mirar a túa xanela, sete pisos mais arriba e imaxinarte espida, impúdica, sola; e saberte deusa, posuidora de feitizos antigos, inmortal entre as sabas; e soñar que me podo perder no labirinto dos teus brazos e mergullarme no territorio indómito das túas cadeiras. Un día melancólico o ten calquera.

martes, 1 de mayo de 2007

CUESTIONARIO PROUST

Por prescrición da miña doutora preferida paso a responder o cuestionario Proust. Por suposto, todo o que aquí diga (mellor dito, escriba) negareino perante dun tribunal. Quedades avisados.

O principal rasgo do meu carácter? Moitos opinan que estou tolo e a min fáltanme argumentos para contradicilos.

A calidade que prefiro nun home? A sinceridade.

A calidade que desexo nunha muller? Igual ca no home.

O que máis aprecio nos meus amigos? Que nunca piden nada e sempre dan (a frase é de Víctor Manuel), e que me inviten as cañas de cervexa. Como vedes todo ten relación.

O meu principal defecto? Que teño demasiados.

A miña ocupación preferida? Sendeirismo, fútbol, cine, poesía, escribir e curiosear polos blogs.

O meu soño de dicha? A xubilación anticipada.

Cal sería a miña maior desgracia? Perder os catro ou cinco amigos que aínda me quedan. ¿Quen me ía invitar despois as cañas de cervexa?

Que quixera ser? Un raposo correndo polas terras de Sober con moreas de galiñas ceibes polas devesas

Onde desexaría vivir? Na ladeira dun monte no canón do Sil.

A cor que prefiro? Vermella

A flor que prefiro? A flor do toxo.

O paxaro que prefiro? O carrizo: fai uns niños moi apañados.

Os meus autores preferidos en prosa? Borges, Cortazar, Bioy Casares, Manuel Rivas, Suso de Toro, etc..

Os meus poetas preferidos? Celso E.Ferreiro, Méndez Ferrín, Borges, Manuel Rivas, Alberti, Celaya etc..

Os meus heroes de ficción? Capitán Trueno, Mortadelo, Pepe Gotera e Otilio.

As miñas heroínas de ficción? Non teño.

Os meus compositores preferidos? Sabina e Rosendo Mercado.

Os meus pintores predilectos? El Bosco, Dali, e os pintores anónimos da cova de Altamira.

Os meus heroes da vida real? Che Guevara, Salvador Allende, Crístobal Colon.

As miñas heroínas históricas? Victoria Kent, por exemplo.

Os meus nomes favoritos? Lucía, Antía, Xavier.

Que detesto máis que nada? A inxustiza e a falta de liberdade.

Que caracteres históricos desprezo máis? O fascismo, as actitudes dictatoriais.

Que feito militar admiro máis? A loita de Fidel en Sierra Maestra.

Que reforma admiro máis? As desamortizacións de Mendízabal e de Pascual Madoz (a pesares dos seus erros) e as reformas que se iniciaron na II República é que algúns cabróns non deixaron rematar.

Que dons naturais quixera ter? Poder prever o futuro (dígoo polo da lotería primitiva)

Como me gustaría morrer? Sen sufrir e sen molestar.

Estado presente do meu espírito? Desasosegado.

Feitos que me inspiran máis indulxencia? Os posibles fallos que se cometan loitando pola liberdade.

O meu lema? Estar en paz comigo mesmo (esto creo que o dixo Voltaire) e sempre en loita cos nostálxicos do antigo réxime.


Se alguén lee esto e quere seguir co cuestionario a min paréceme ben e a Proust non creo que lle moleste.
Persoalmente convido a que o fagan Moralla, Ra , Xurxocimadevila e Mouchobranco.