viernes, 31 de agosto de 2007

ARREDEMO


Con evidente atraso (poñerei como escusa a consabida preguiza do mes de agosto) quero deixar constancia nesta cova da aparición no panorama musical galego dun novo grupo de rock.
O caso é que O Moucho e os seus amigos, co nome de ARREDEMO, acaban de sacar un CD co poético título de : “Nin sequera a choiva”.
Afeitos como estamos, nesta terra e nestes tempos, a canción do verán, made in Georgie Dann; o monopolio televisivo do Luar cos seus Bisbal, Pantoja, Pili Pampín, Manolo Escobar, Rosa de España, etc.; as veladas nocturnas da Sintonía, París de Noia e orquestras similares coas súas cantantes en minisaia e versións de ritmos caribeños; eu persoalmente agradezo a irrupción de ARREDEMO: rock duro galego duns tipos sospeitosos e sen maquillar.
Non me sinto cualificado para facer unha crítica en profundidade (xa o farán outros) pero anímovos a escoitar algunhas das súas cancións EIQUI.
Dito queda.

viernes, 24 de agosto de 2007

PRECAUCIÓNS


A casa tiña moitas portas pero eu metinme pola mais pequena. Podía telo feito de día e entrar pola principal despois de deixar o coche no aparcadoiro, subir de vagar pola escalinata, chamar o timbre, esperar que chegara o mordomo, saudalo cun sorriso de orella a orella e, de vagar, deixar a chaqueta no gardarroupa e seguilo ata o salón grande onde me xuntaría con demais invitados. Pola contra esperei que fora noite pecha para chegar a pé, buscar e atopar unha porta mais afastada e mais pequena, a desmán do ir e vir da xente, con coidado de que ninguén me vise. Tiven a previsión de pór luvas antes de forzar a pechadura e entrar rápido e silandeiro. Eran estas precaucións necesarias tendo en conta o que ía que facer.

martes, 21 de agosto de 2007

VERSOS PARA UN ENCONTRO

Para Isabel,
fermosa loucura dunha noite de verán.


Porque coñecémonos unha noite
e esa madrugada foi nosa;
porque regaláchesme a lúa e a tenrura
sen pedir nada a cambio;
porque es morena;
porque tes poucos anos
e eso non supuxo unha fronteira,
porque mesturamos a risa co ron,
o segredo co amencer,
mentres a música soaba preto
nalgún lugar o oeste do delirio;
porque era na pel
onde se aloumiñaban as verbas
que quizais non nos dixemos;
porque os teus ollos
tan ledos, tan profundos,
eran todo un incendio, unha paixón;
porque me gustas.
Porque si.

viernes, 3 de agosto de 2007

A PECHO DESCUBIERTO


"Donde veas

que el látigo o la espada se levantan,

que la prisión redobla sus cerrojos,

que los fusiles amenazan muerte,

acércate y, a pecho descubierto,

lanza un tremendo NO que salve al mundo".


Angela Figuera (1902-1984).

sábado, 28 de julio de 2007

O último pesadelo


Non berredes mais, irmáns, non berredes, que o asfalto zugaravos ata os miolos. Lenta pero sen pausa a cada golpe seredes mais pequenos, a couza irá esmigallándovos a materia ata que desapareza polas gretas e fisgas deste imperio porcallento. Monicreques dun castelo de naipes, autómatas nun mundo sen alma, deixaredes anacos de vida en cada recuncho, na pel das baldosas, á beira das luces de neon e o monóxido de carbono, beberedes fume e po para cuspilo despois trousando noxo pola boca. As eirugas de metal esmagarán os corpos coas poutas enchidas de veleno. Os diaños do tixolo saltaranvos enriba para chuchar a derradeira gota de sangue. Non busquedes aliados. Non os hai. Ninguén estará o voso lado. Quedaredes á mercé do universo por vos mesmos creado. Non , non hai piedade entre o cemento e o bruído; non hai lugar para a súplica e a esperanza. Os brazos ensanguentados, sanguinolentos, emerxerán enarborando bandeiras rotas entre treboadas de morte e destrucción. Manarán os ollos regueiros de bágoas que xa nada valen, buscando entre saloucos a luz infinda. Xa non haberá tempo. Non haberá tempo para esconderse. Non haberá tempo para escapar. Non haberá tempo para volver atrás. O último paso xa foi dado e con el a entrada no abismo. E non berredes, irmáns, non berredes, que non hai piedade entre o asfalto.



Cadro: El grito de Edvard Munch (1863-1944).

lunes, 23 de julio de 2007

VICENTE CANO


"Yo escribo

-no sé si sobre el agua-

mensajes de rocío".

Vicente Cano (1927-1994)

*Foto de Friuli.

lunes, 9 de julio de 2007

LEMBRANDO A RABINDRANATH TAGORE

A FLOR DA CHAMPACA: Mamá, escoita, si solo por xogar, ¿eh?, eu me transformara nunha flor de champaca e agromara na pola mais alta desa árbore e me arrolara, escachándome de risa, no vento, e bailara sobre as follas novas, ¿saberías ti que era eu, mamá? Chamarías por min: “Neno, ¿onde estás?” Eu riría por dentro e estaría moi quietiño. Abriría as follas de vagar, moi a modo, e ollaría como traballas. Cando despois de bañarte pasaras, co pelo mollado espallándose polos ombreiros, por debaixo da champaca ó patio onde rezas, ulirías o recendo da flor pero non saberías que ese recendo saía de min. Cando despois da comida te sentaras xunto a xanela lendo o Ramayana e a sombra da árbore che caera no pelo e na saia, eu votaría a miña sombra pequeniña sobre a folla do teu libro, xusto no sitio onde estiveras lendo. Pero, ¿adiviñarías ti que era a sombra do teu fillo? Cando a noitiña foras a corte do gando co candil aceso, eu caería o chan e sería outra vez o teu neno, iría xunto a ti e pediríache que me contaras un conto. “¿Onde estiveches metido, pillabán?” “Non cho conto”, diríamos os dous. Rabindranat Tagore (1861-1941)

miércoles, 20 de junio de 2007

SI NON REZAS NON CONDUZAS


O Vaticano acaba de difundir, supoño que baixo inspiración divina, o manual de bo conductor católico, para tratar de evitar as mortes e os accidentes nas estradas.
Entre outros consellos recomenda facer o sinal da cruz antes de arrancar o coche e rezar o rosario para os viaxes longos. Parece ser tamén que facer un adiantamento imprudente é pecado (non che digo nada se mentres adiantas te masturbas; daquela xa estás condenado, per sécula seculorum, sen remisión).
Ou sexa que a Dirección Xeral de Tráfico leva anos traballando arreo, dándonos a tabarra e gastando cartos a moreas, tratando de concienciarnos con anuncios impactantes, con escenas violentas, con imaxes de mortos e feridos, con ameazas de multas o por maior, con radares a esgalla, coa perda dos puntos y das comas e retirada do carné, e ninguén se deu conta de que solución era moito mais sinxela e estaba no rosario, nun padrenuestro e tres avemarías.
Se os conductores aplican este novidoso método nos seguintes meses iremos vendo un descenso significativo no número de accidentes automobilísticos, ata que estes quedan reducidos a meramente anecdótico.
Oxalá que o Vaticano siga por este beatífico camiño e nos obsequie con manuais similares para resolver o problema do paro, o acceso a primeira vivenda, a mellora do salario mínimo, o conflicto de Oriente Próximo ou a fame en África.
Polo de agora, eu vou ler con atención o manual a ver que teño que facer antes de sair a leira co chimpín.

jueves, 14 de junio de 2007

OS SOÑOS DOS MAMUTS


Baixo as xélidas terras de Siberia os mamuts repousan o seu soño de séculos e milenios. No lles importa o tempo, o ocaso, as fluctuacións da Bolsa e o índice Nikkei, nin o xogo mediocre e gris do Dynamo de Moscú. Nada saben dos discursos paternalistas e tradicionais do Papa, da mala hostia e o cabreo permanente do PP, do cambio climático, da boca ávida e succionadora de Mónica Lewinsky.
Os mamuts non entenden (e saben que non poderían entender) esta civilización de beirarrúas, antenas parabólicas e caixeiros automáticos. Nos seus soños non ten cabida este reino da presa e a realidade virtual, de televisións de plasma e megapíxeles, de cabezas nucleares e Internet, esta babel de discotecas e gardas xurados, este mundo abandeirado pola cobiza e a guerra.
Dormen os mamuts e soñan con inmensas pradeiras nas que comen herba e regueiros cristalinos onde fartan a sede. Emparéllanse un pouco por instinto e outro pouco por pracer. Para protexerse pernoitan coa manada e nos amenceres as súas patas peludas pisan lizgairas o orballo e a liberdade.
Insensibles a todo esto os científicos (sempre tan teimudos) desentérranos, destrípanos, analízanos. Estudian os mamuts pero tamén están estragando os seus soños.
Como o fin e o cabo son primos lonxanos eu que son un raposo solidario e comprensivo lanzo o aire un berro en defensa dos soños dos mamuts.
Deixádeos durmir en paz !!!

miércoles, 23 de mayo de 2007

OUTRA DE AZNAR


Estou moi preocupado.
Aznar nun dos seus arrebatos mesiánicos dixo: “Cada voto que no vaya al PP será un voto para que ETA esté en las instituciones”.
Daquela, segundo o ex-presidente co meu voto vou apoiar os terroristas. Pero non só eu: os que voten por Coalición Canaria, os que en Vigo elixan a opción do Partido Galeguista de Manuel Soto, os que en Valencia apoien a Esquerda Unida, ou os meus paisanos de Sober que lle dean o voto o BNG , todas estas persoas desde o punto de vista de Aznar están axudando a ETA.
Pero como se pode ser tan hipócrita, tan miserable, tan senvergonza político! E esto o dí ademais quen sendo presidente cualificou a ETA de Movimiento de Liberación Vasco e comentou que o Estado sería xeneroso cos terroristas.
Ou a única estratexia que ten o PP para estas eleccións baséase na mentira, na manipulación e na crispación da sociedade, o que lles leva a dicir tantas barbaridades, ou este señor necesita urxentemente unha revisión psiquiátrica.
Porque, claro, empezas por falar catalán na intimidade e mira onde acabas.

jueves, 17 de mayo de 2007

¿A QUE ESPERAN?


En Vigo traballadores do naval, en folga dende fai 10 días, entraron a saco no edificio da Delegación da Xunta. Resultado: plantas e máquinas do café desfeitas; paredes, armarios e cristaleiras pintadas; e miles de expedientes e documentos oficiais guindados polas ventás.
Colocan un artefacto explosivo no polígono industrial de O Ceao en Lugo. A bomba, desactivada polo TEDAX, parece ser que foi posta por un grupo independentista galego que se agocha en Portugal.
No gran premio de Fórmula 1 en Montmeló, Fernando Alonso só puido ser terceiro despois de que se saíra da pista na primeira curva por un incidente co brasileiro Massa.
O sábado no Festival Folclórico de Eurovisión España quedou relegada a posto 20 de 24, o que en termos futbolísticos significa estar á beira do descenso

Sorprendentemente, os dirixentes do PP aínda non lle votaron a culpa destes feitos a Zapatero.

sábado, 12 de mayo de 2007

UN DIA MELANCÓLICO O TEN CALQUERA

Hoxe en día os raposos solitarios xa non podemos contemplar a lúa chea: as nubes de contaminación, o fume das fábricas, o mal humor dos políticos, o desaforado urbanismo vertical impídenos vela. Así que contentámonos con mirar a luz dos farois que paga o Concello,ou sexa nós, e que iluminan a tristura da noite. Así que contentámonos con esperar na barra dun pub, aberto ata o amencer, onde mesturamos ron e tabaco e falamos de cousas intranscendentes. Así que conténtome con mirar a túa xanela, sete pisos mais arriba e imaxinarte espida, impúdica, sola; e saberte deusa, posuidora de feitizos antigos, inmortal entre as sabas; e soñar que me podo perder no labirinto dos teus brazos e mergullarme no territorio indómito das túas cadeiras. Un día melancólico o ten calquera.

martes, 1 de mayo de 2007

CUESTIONARIO PROUST

Por prescrición da miña doutora preferida paso a responder o cuestionario Proust. Por suposto, todo o que aquí diga (mellor dito, escriba) negareino perante dun tribunal. Quedades avisados.

O principal rasgo do meu carácter? Moitos opinan que estou tolo e a min fáltanme argumentos para contradicilos.

A calidade que prefiro nun home? A sinceridade.

A calidade que desexo nunha muller? Igual ca no home.

O que máis aprecio nos meus amigos? Que nunca piden nada e sempre dan (a frase é de Víctor Manuel), e que me inviten as cañas de cervexa. Como vedes todo ten relación.

O meu principal defecto? Que teño demasiados.

A miña ocupación preferida? Sendeirismo, fútbol, cine, poesía, escribir e curiosear polos blogs.

O meu soño de dicha? A xubilación anticipada.

Cal sería a miña maior desgracia? Perder os catro ou cinco amigos que aínda me quedan. ¿Quen me ía invitar despois as cañas de cervexa?

Que quixera ser? Un raposo correndo polas terras de Sober con moreas de galiñas ceibes polas devesas

Onde desexaría vivir? Na ladeira dun monte no canón do Sil.

A cor que prefiro? Vermella

A flor que prefiro? A flor do toxo.

O paxaro que prefiro? O carrizo: fai uns niños moi apañados.

Os meus autores preferidos en prosa? Borges, Cortazar, Bioy Casares, Manuel Rivas, Suso de Toro, etc..

Os meus poetas preferidos? Celso E.Ferreiro, Méndez Ferrín, Borges, Manuel Rivas, Alberti, Celaya etc..

Os meus heroes de ficción? Capitán Trueno, Mortadelo, Pepe Gotera e Otilio.

As miñas heroínas de ficción? Non teño.

Os meus compositores preferidos? Sabina e Rosendo Mercado.

Os meus pintores predilectos? El Bosco, Dali, e os pintores anónimos da cova de Altamira.

Os meus heroes da vida real? Che Guevara, Salvador Allende, Crístobal Colon.

As miñas heroínas históricas? Victoria Kent, por exemplo.

Os meus nomes favoritos? Lucía, Antía, Xavier.

Que detesto máis que nada? A inxustiza e a falta de liberdade.

Que caracteres históricos desprezo máis? O fascismo, as actitudes dictatoriais.

Que feito militar admiro máis? A loita de Fidel en Sierra Maestra.

Que reforma admiro máis? As desamortizacións de Mendízabal e de Pascual Madoz (a pesares dos seus erros) e as reformas que se iniciaron na II República é que algúns cabróns non deixaron rematar.

Que dons naturais quixera ter? Poder prever o futuro (dígoo polo da lotería primitiva)

Como me gustaría morrer? Sen sufrir e sen molestar.

Estado presente do meu espírito? Desasosegado.

Feitos que me inspiran máis indulxencia? Os posibles fallos que se cometan loitando pola liberdade.

O meu lema? Estar en paz comigo mesmo (esto creo que o dixo Voltaire) e sempre en loita cos nostálxicos do antigo réxime.


Se alguén lee esto e quere seguir co cuestionario a min paréceme ben e a Proust non creo que lle moleste.
Persoalmente convido a que o fagan Moralla, Ra , Xurxocimadevila e Mouchobranco.

jueves, 26 de abril de 2007

¡ESTES POLÍTICOS!


Pode que algúns desexen que os dirixentes políticos sexan perfectos, xustos, traballadores, intachables, sen un anaco de torpeza ou mediocridade, con unha especie de microprocesador no cerebro que lles libre de todo pecado, de todo erro, de todo mal. Eu non.
Eu quero que os políticos sigan tendo unha faceta íntima, escura e profunda, e pillalos de cando en vez facendo trasnadas:
A Clinton tocando o saxofón o en libidinosas actitudes de sexo oral no despacho oval da Casa Branca.
A Yeltsin agarrado a unha botella de vodka dando traspés.
A Aznar en pixama recortándose o bigote ou falando das armas de destrucción masiva de Iraq en catalán e na intimidade.
A Esperanza Aguirre ensaiando espida na soidade do seu cuarto mentres reduce a lista da compra para poder chegar a fin de mes.
A Paul Wolfowitz, presidente do fondo monetario internacional, zurcindo calcetíns sen parar.
A Zapatero entrando camuflado nos chigres e cantinas para informarse do prezo do café.
A Zaplana na sala de raios UVA recoñecendo publicamente unha vez mais que se meteu en política para forrarse.
A Rajoy soñando con hilillos de plastilina.
A Acebes contratando moreas de electricistas para empalmar algún tipo de conexión entre Eta e o atentado do 11-M.
Eu quero que os políticos sexan torpes, vaidosos, presumidos, tercos, subornables, suxeitos a dúbida ou vacilación, que choren, que mintan, que se engurren, que cheiren a coño e a tabaco, que se dobren polo peso do instinto, dos días e da verdade. Que sexan en definitiva humanos. Como ti, amig@ lector-a. Como eu. Como tod@s.

viernes, 20 de abril de 2007

E Ó FINAL O DESENCANTO

Buscar liberdade no asfalto é precipitarse a un pesadelo sen paracaídas, esnafrarse de impotencia, e coas mans, se aínda quedan, desfacer laxes, guindastres e moreas de tixolos. Nos ollos enchoupados de preguntas derrétense as conexións. Agardamos un movemento, un saúdo visceral, unha atracción; pero as verbas esvaran lamacentas, foxen a cegas, e os pasos resoan cada vez mais lonxe. Confiamos que o día traerá a claridade, dará sangue novo os vestidos e as campás, decisión nas encrucilladas e outra vez as rúas serán manancial e os muros un mar verde onde agromen camelias e mapoulas. Ata que algo fai tremer o pulso, un calafrío percorre os ombreiros, axítanos, patexa, fálanos a orella, rípanos do soño feliz que argallamos por uns intres e os ollos ábrense mais e mais e comprendemos. Daquela só esperamos ir caendo mais a modo, o sorriso que agacha a indiferencia, un desexo propio, un corpo espido, o baúl dos recordos, unha sombra, un empurrón, un solpor morno, silencio, outro empurrón, unha tumba.

sábado, 14 de abril de 2007

Pouco nas alforxas

Ás veces cando tento erguerme
sobre a miña canseira
premo na area roxa do deserto
e presinto e sinto e sei
que estou en terra de ningures
onde nin sequera ser estranxeiro ten sentido.
E busco bares anónimos
como quen busca unha froita prohibida,
rescato do bolso outro cigarro
que fumo xa sen ganas
e mentres o mesturo con alcohol
pregúntome porqué é aquí,
e non a marxe do Danubio
ou nunha terraza de Valparaíso,
onde sigo murchando as miñas horas.
Algún día ireime coma todos,
buscando outros corpos, outros ceos.
Esta cidade será só un nome no recordo.
Lembrarei tamén o sorriso
de aquela loura de pantalóns axustados,
un bico ardendo no cerne da noite,
o sabor amargo do Bitter Kas con xenebra,
e música de fondo de Joaquín Sabina
e unha curva tomada a cento dez
e a catro ou cinco amigos.

viernes, 30 de marzo de 2007

Queda o silencio

Hai unha choiva que afunde os castelos,
muros de tixolos que esmagan
ós carballos teimosos do horizonte,
un mundo de panxoliñas e lareiras
onde agora medran antenas e parafusos.
Hai un desorde de vagalumes
máis alá do tempo e do solpor,
máis alá da carne e dos aramios.
Hai un iceberg que fixa o límite
para esta catedral de areas movedizas.
Hai fachos que tecen e destecen
o noso alento, sandalias que buscan
esquecidas follas de outono
como o amencer busca o orballo,
unha frase feita pomba na parede,
unha liberdade que gatea polas canelas,
polo ventre, ata a fronte.
O demais é baleiro,
o demais é silencio.

miércoles, 7 de marzo de 2007

TES DÚBIDAS, LOGO QUIZAIS EXISTAS


Bate co puño nas paredes
bebe ron ata sentir vertixe,
lamenta que a moza te abandonara
entre os decibelios dunha noite de sábado.
Conta polos soportais a túa condena,
a teima de ir dando pasos en falso
e de perder sempre o póquer
e comproba como se paran os viandantes.
Camiña co xesto fendido polas rúas
e fíxate como enmudecen os farois.
Faite notar, pelexa, cuspe, maldice,
deixa que te firan, que te nomeen.
Aínda así non poderás dicir que estás vivo
e terás dúbidas o fita-la vista no espello.

domingo, 18 de febrero de 2007

ESCRIBIR PARA A CINSA

Hay días de un terrible azul
sobre los huesos”. Angeles Dalúa
.

Hai días en que custa abrir as pálpebras,
achar a forza para camiñar de novo.
Sabemos que temos que loitar
pero ficamos deitados na alfombra
escoitando a Paúl Simon
e mascando chicle
mentres nalgures alguén chora ou morre
e o sangue escorrega
polo regato da indiferencia.
Porque hai días que esconden
coitelos na súa choiva,
caixeiros fóra de servicio,
corazóns fechados como petos,
cavorcos que non teñen saída,
latexos ou imaxes que son como ameazas;
porque hai días perigosamente cargados
de fastío, porque hai un tempo
no que agroma pesaroso o desánimo,
hoxe esta presada de terra feita home
escribirá para a cinsa, esa cinsa
na que medrarán novos folgos
na acelmada luz doutras mañás.


Foto: D.E. Wieprecht

viernes, 9 de febrero de 2007

ALGO ESGAZA NA ALMA CANDO O BAR DUN AMIGO PECHA


“Donde se cruzan los caminos,
donde es tan fácil ser feliz,
donde siempre hay un amigo
que te invita a sonreir.
Hablo del BAR MODERNO:
Imaginar o morir”.


Hai lugares máxicos, dominados por unha estraña forza, onde nos sentimos transgresores e festivos contra un tempo sombrío, un refuxio para prenderlle lume a noite e as nosas loucuras.
O ser humano está feito para comunicarse; o bar é idóneo para eso. O BAR MODERNO cumpriu esa misión. Foi un antídoto contra a soidade e o desamparo. Por eso agora digo MODERNO e digo vento fresco, ilusión, amizade, cariño, vida.
Aí quedan os inesquecibles recordos dos partidos de fútbol na tele; as cañas de cervexa; o sorriso de Toño detrás da barra como unha forma de amainar as treboadas; as partidas de xadrez, póquer, chinchón; tertulias poéticas, discusións políticas; o Cociñeiro poñéndolle música a poemas de Jose; Francisca Gurbindo ensinándome un dia non sei que leria do latín mentres eu buscaba nos seus ollos a tenrura que máis tarde atopeille nos beizos; Aquilinín e a súa copa de Soberano; o meu cubata de Bitter Kas con xenebra; o periódico de La Nueva España; os delicados pinchos que preparaba Luz Marina; e , por suposto, esa fauna persoal e intransferible de clientes do bar co madeireiro de Santa Eugenia o fronte.
Era o sancta sanctorum, a aposta que xamais fallaba, a equis despegada da ecuación, un estoxo no que atopar os camaradas, un terreo onde os de fóra nunca nos sentimos forasteiros, o centro da Villa, a redención do desacougo, o camiño dunha especie de liberdade despois do solpor. Agora chegarei a Villaviciosa e xa non saberei onde ir.

* Na foto tafures do bar Moderno en plena acción, o do pito son eu. Eran outros tempos.